Sunday 28 de April de 2024

O concello renovará a fachada exterior e mellorará o illamento térmico do Centro Sociocultural da Insua


O proxecto presenta un orzamento de 24.000 euros.

O centro sociocultural da Insua, en Caión, é un edificio de titularidade municipal multifuncional que na actualidade alberga, nunha parte da instalación, o consultorio médico da vila e, na outra parte, actividade do tecido asociativo caionés.

O Concello, coas fins de mellorar o illamento térmico e renovar a fachada desta instalación, promove un proxecto valorado en 24.000 euros que inclúe a reparación dos paramentos exteriores e o repintado nunha superficie superior aos trescentos metros cadrados. Deste xeito serán mellorados o acabado e a estética exteriores, favorecendo ademais a integración do edificio no entorno no que se sitúa.
Para o cofinanciamento desta intervención o Concello concorreu á convocatoria de axudas do Instituto de Estudos do Territorio para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos.

Este proxecto dará continuidade ao recentemente executado polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia no propio centro sociocultural de Insua dirixido a aumentar o confort higrotérmico do edificio e a mellorar a súa eficiencia enerxética que incluíra a substitución de ventás e portas. O orzamento superara os 30.000 euros, que sumados ao novo proxecto que se acometerá en próximas datas supón un investimento total de 54.000 euros na mellora do inmoble.